De adulto modificado

Esta etapa vai do ano aos tres anos de idade. As cantidades de comida dependerán do gasto de enerxía e do peso, pero o seu réxime de comidas ten que ser variado, sinxelo e natural, adaptándose progresivamente á comida diaria do resto da familia, con algunhas modificacións en canto á súa presentación: partir polo miúdo todos os alimentos sólidos, e evitar engadirlles salsas fortes, especias ou sal.

Faise importante recordar que o biberón debe estar xa completamente abandonado e o neno ou nena comerá en pratos e cuncas con culler e garfo. O leite e os seus derivados (iogur, queixo) seguen tendo un papel primordial na dieta, e deben tomar polo menos o equivalente a medio litro ao día.

O acto e o momento da comida han ser gratificantes para todos. Unha actitude ansiosa ou excesivamente preocupada polo que come ou non come provoca con moita frecuencia situacións de chantaxe dos pais por parte do pequeno para manter a súa atención, falsas inapetencias, alteracións dos horarios e conflitos polas comidas.

Durante esta fase, algúns alimentos deben ser vixiados ou evitados:

  • Todos aqueles que poidan provocar atragoamentos, como noces, castañas, abelás, piñóns e outros froitos secos, froitas con óso, pipas de xirasol ou flocos de millo, cenoria crúa, peixe con espiñas, carne dura e lambetadas duras e pequenas.
  • Sal e aqueles alimentos xa salgados aumentan o risco futuro de padecer hipertensión arterial.
  • Todos os alimentos con gran cantidade edulcorantes (lambetadas en xeral) diminúen o apetito porque sacian e aumentan o desexo polas cousas doces, favorecendo extraordinariamente a aparición da carie dental.
  • Os alimentos difíciles de dixerir, como o xamón curado, os embutidos, salsas fortes e comidas preparadas con moitas especias. En xeral, as fritadas e todos aqueles alimentos moi ricos en graxas.
  • Unha excesiva cantidade de fibra vexetal, que conteñen sobre todo verduras e legumes, produce moito gas na súa dixestión, coas conseguintes molestias, e diminúe a absorción doutros nutrientes.
  • Unha actitude pola nosa banda equilibrada e tranquila, paciente pero firme, sen ceder ante choros e mecos, faise imprescindible para evitalo.
  • A pesar de que faga algúns estragos, deixémolo comer só, manexando cunca ou prato, vaso e culler; é moi importante para o seu desenvolvemento psíquico e motriz.

Xa son costumes que van pasando á historia pero non deixaremos aquí de repetilo. O alcohol –sopas con viño, cervexa con gasosa–, nin en mínimas cantidades, é bebida nin comida apropiada e saudable para nenos.

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio