O inicio do aleitamento

O inicio da lactación materna debe ser o máis pronto posible. Permitir que sexa o bebé que acaba de nacer quen tome a iniciativa e busque activamente o bico do peito para mamar. Nesas condicións a maioría dos bebés son capaces de atopalo e prenderse correctamente eles sós.

Cando nacen, os bebés están espertos pero tranquilos se están pegadiños á súa nai. É o chamado período sensitivo, no que bebé e nai se recoñecen mutuamente polo olor, tacto, vista, oído... Tamén é o momento ideal para que fagan a primeira toma.
Pasadas 1-2 horas entran nunha fase de sono profundo ou letargo para recuperarse do estrés do parto. Na maioría dos casos, cando non hai risco vital, os controis de saúde tales como pesadas, medicións, baños... poden agardar a despois de que se dea esta importantísima primeira toma, que favorece a formación inmediata do vínculo afectivo entre a nai e o fillo, e supón un feliz e saudable inicio da vida do neno ou da nena, así como unha gozosa entrada na maternidade da muller.
A lactación deberá continuar sen restrición ningunha a partir do nacemento, seguindo os sinais de demanda do bebé. Para isto é de suma importancia que a nai e o fillo permanezan sempre xuntos.
Cando queren mamar, os bebés comezan a revolverse, buscan coas meixelas, cabecean, fan ruidiños ou chupan as mans; é o momento de poñelos a mamar. Se están tranquilos, ou incluso algo adurmiñados, serán capaces de mamar mellor. Non convén esperar a que o bebé chore para ofrecerlle o peito. O pranto é un sinal tardío de fame e o bebé estará máis nervioso e será máis complicado aleitalo.
Os primeiros días o peito produce o chamado costro, que se produce en pequenas cantidades pero cun enorme valor nutritivo e inmunolóxico, sendo unha verdadeira fonte de saúde e protección para os máis pequenos.
Este costro está especialmente deseñado para satisfacer todas as necesidades dos que acaban de nacer xa que non precisan ningún outro alimento nin bebida; debe ser ofrecido sen limitacións.
Os propios bebés decidirán canto tempo precisan mamar e con que frecuencia, é esta a esencia da lactación: A DEMANDA.
Ao principio as tomas son frecuentes e longas xa que, para mamar, o bebé ten que coordinar a succión con respirar e tragar e iso require certo adestramento. Ademais, o leite materno dixírese máis facilmente que os leites de fórmula, e o estómago do bebé ten unha capacidade pequena (uns 60 ml ás 3 semanas) polo que necesitan mamar frecuentemente.
As tomas non deben ser regulares; haberá momentos do día nos cales o bebé pida máis a miúdo (xeralmente pola noite) e outros en que descansen máis. O importante é que fagan arredor de 8 a 12 tomas ao longo do día, e pode que incluso máis.
Ter os bebés no colo é unha boa maneira de detectar os primeiros sinais de fame e, polo tanto, de saber cando é un bo momento para ofrecerlles o peito.
Hai que ter en conta que os bebés non só piden o peito por fame, senón tamén para relaxarse. É a chamada succión non nutritiva, que resulta tamén moi importante como adestramento e estimulación da produción do leite.
Estes primeiros días é moi importante non ofrecer chupetas nin biberóns para non limitar o acceso ao peito, xa que a produción de leite depende da succión e demanda do lactante. Ademais, a succión das mamadeiras é diferente á do peito polo que poderían dificultar o establecemento da lactación materna. A maior succión, maior estímulo e maior produción de leite.

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio