Proporcionar un aseo saudable

Non se nace sabendo ser nai e pai, apréndese a selo á vez que medran e maduran os fillos.O baño ten que ser un rito diario, nun lugar con temperatura agradable ao redor dos 20°C, sen correntes de aire, e no momento do día que nos permita facelo con calma.

Os actos de limpeza, en xeral e a calquera idade, deben ser suaves e diarios. Suaves para que provoquen reaccións de pracer, e non de rexeitamento, e diarios para favorecer a adquisición de hábitos saudables, eliminando a sucidade de cada día.
Segundo a súa idade, o aseo debe pasar por tres fases:
Fase pasiva: O bebé, nos primeiros días de vida, debe recibir pasivamente os coidados que lle proporcionamos.
Fase de colaboración: O neno ou nena participa xa do seu propio aseo.
Fase activa: Baixo supervisión, van pouco a pouco sendo máis responsables e autónomos no seu aseo persoal.

Promocionar progresivamente a súa autonomía en todos aqueles actos que, como o aseo, facilitan a súa propia independencia e responsabilidade.

  • Arredor dos 2 anos de idade, o neno ou nena deben lavar as mans coa axuda dunha persoa maior.
  • Aos 3 anos deben facelo eles e elas soíños.
  • Aos 4 anos, o lavado de cara, mans e dentes, ten que ser xa unha tarefa realizada por eles mesmos, autónoma e responsablemente.
  • A temperatura da auga, que debemos sempre vixiar para evitar queimaduras ou rexeitamentos, estará a 38°C o primeiro mes e a 36°C a continuación.
  • Recoméndase comezar a encher a bañeira con auga fría para ila quentando coa auga quente, e non ao revés.
  • Para comprobalo, pódese medir cun termómetro, ou ben introducir o noso propio cóbado para sentir unha temperatura agradable.
  • As bañeiras plegables de plástico ocupan pouco sitio, son brandas, polo que impiden posibles golpes, e quedan a unha boa altura para comodidade das nosas costas.
  • Podemos usar calquera outro recipiente ou a bañeira da casa, pero evitando sempre esvaróns que poidan provocar golpes cando o bebé xa se senta e se move, e por suposto, sen deixalo só nin por un momento.

Os primeiros días, mentres non cae o resto do cordón umbilical, lavalo por partes sen metelo completamente no baño, evitando mollar a cicatriz para que non se infecte. O embigo require coidados especiais durante uns sete ou oito días:

  • Cambiar a gasa que o cobre diariamente ou cada vez que se vexa sucia ou mollada.
  • Consultar co/a pediatra, se a cicatriz supura e ten aspecto sospeitoso de estar infectada.
  • Suxeitar ben o bebé por baixo das axilas, apoiando a cabeza no brazo polo pescozo, e sen somerxer os seus ollos, nariz ou boca. Usaremos un xabón suave e neutro, non alcalino.
  • Pelo e as mans lavarémolas no mesmo baño e co mesmo xabrón. Na cara non usar xabrón.
  • Limpar os oídos co noso dedo maimiño envolto nun pano húmido, retirando do pavillón da orella a cera que vaia saíndo. Non meter nunca «bastonciños» dentro do oído!.
  • Tras o baño, un suave secado insistindo nas axilas e nas inguas, evitando correntes de aire, e nunha superficie ampla e segura que impida as caídas do bebé.
  • A continuación, podemos usar unha crema ou aceite hidratante pero non os tradicionais pos de talco, xa que resecan moito a pel e acumulan sucidade nas pregaduras do corpo.
  • Lavar as nádegas e os xenitais sempre que sexa necesario, independentemente do baño. Nas nenas, teremos coidado de facelo de diante a atrás para evitar que a sucidade entre na vaxina. Pódense mercar baetas axeitadas para facelo, e se non, cunha esponxa ou pano limpo e húmido.
  • Cortar as unllas coidadosa e periodicamente para evitar os rabuñazos que eles mesmos poden facerse, usando tesoiras de puntas romas para evitar picadas accidentais nos dedos do bebé. As das mans seguindo a forma curva da punta do dedo, e as dos pés rectas, para evitar que se incrusten polos bordos na pel do dedo e se infecte.
  • Cambiar os cueiros sempre sobre unha superficie cómoda e o máis ampla posible, sen deixalo nunca só, xa que calquera movemento rápido do bebé pode significar unha caída perfectamente evitable.
  • Se o cambio de cueiros, unha vez que están mollados, non se fai axiña, a humidade favorecerá enormemente a irritación da pel. Se isto ocorrese, botar unha crema hidratante, e nos días sucesivos, esmerarse especialmente en mantelo seco.
  • Se persistise ou empeorase a irritación, consultar co/a pediatra para evitar ou tratar a posible infección da pel.

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio