Lactación artificial

Unha nai sa, física e emotivamente, non debe ter dificultades para levar a cabo a lactación materna, pero pódense dar situacións que obriguen a unha lactación mixta (combinando peito e biberón), ou a unha lactación totalmente artificial con produtos de fórmula adaptada só con biberón. Na lactación mixta o bebé benefíciase das vantaxes do leite materno, aínda que o reciba en pequenas cantidades. Cando a lactación materna non é posible, a nai non debe sentirse culpable nin vivir con ansiedade esta situación.

A composición habitual dos leites maternos e as necesidades dos bebés en cada momento son a base para establecer a fórmula dos compoñentes do leite artificial infantil. Distínguese entre fórmulas de inicio para os catro ou seis primeiros meses, e as fórmulas de continuación para máis aló dos seis meses, con cantidades e nutrientes adaptados ás distintas necesidades. O leite de vaca, hoxe en día, non se considera un alimento adecuado durante o primeiro ano de vida.
Este tipo de lactación só é máis laboriosa, cústanos algúns cartos e pode resultar problemática se non se realiza correctamente.

  • A lactación con biberón pódese iniciar nas primeiras horas, a intervalos de tres ou catro horas, segundo o apetito do bebé. Orientativamente, o número de tomas será de sete ou oito canda o nacemento, seis no segundo e terceiro meses, e cinco no cuarto.
  • A cantidade total da ración alimentaria pode sufrir variacións individuais en función do peso e do apetito de cada bebé, así como da tolerancia que teña ao alimento. Consultar sempre co pediatra se non gaña peso, vomita ou ten diarrea.


Para que a lactación con biberón sexa eficaz, faise imprescindible que coidemos os seguintes aspectos:

  • Lavar as mans antes de preparar o biberón.
  • En Galicia, nas condicións sanitarias actuais, a auga da billa ten a suficiente garantía sanitaria e non precisa manipulación ningunha. Non é así no caso das augas de pozo ou manancial. Nestes casos, cómpre ferver a auga dous minutos e deixala arrefriar sen manipulala.
  • Empregar leite de fórmula infantil: este é o único leite que cobre axeitadamente as necesidades do bebé, independentemente da marca comercial.
  • Non é necesario ferver en auga biberóns e mamadeiras; é suficiente un bo lavado con auga, xabrón e cepillo, inmediatamente despois de cada utilización.
  • Preparar axeitadamente a mestura segundo as instrucións do fabricante, habitualmente unha medida rasa de po de leite (5 gramos) por cada 30 mililitros de auga. A máis auga, máis caciños rasos, sempre na mesma proporción. Utilizar o dosificador que vén co bote. Axitar para que se disolva ben.
  • Non lle fai ningún ben ao bebé non rasar ben os caciños ou, ao final, engadirlle un pouco máis de propina. Só conseguiremos facelo obeso.
  • O ideal é quentar o biberón ao baño maría nunha pouca auga. No forno microondas non se reparte tan ben a temperatura e o vidro está máis frío que o líquido do biberón. Revolver o leite para que non nos engane.
  • Comprobar sempre a temperatura do leite preparado, vertendo algunhas gotas no dorso da man ou poñendo o biberón na meixela.
  • Coller o bebé ben sentados e cómodos como para darlle de mamar, e apertalo suavemente, mirándoo á cara mentres come. O contacto afectivo, tan importante, non ten por que ser distinto que no aleitamento materno.
  • Leite debe saír gota a gota da mamadeira. Revisémola e cambiémola periodicamente para que sempre teña o furado adecuado. A mamadeira, mentres o bebé mama, debe estar chea de leite para impedir que trague moito aire.
  • Despois da toma, axudalo a expulsar o aire tragado. Apoialo sobre un ombreiro en posición vertical adoita ser suficiente.
  • Cando o biberón queda a medias, non se gardará para a toma seguinte, pois as bacterias crecen con moita facilidade no leite preparado. Tirar o que sobre.

Nai axudando ao bebé a expulsar o aire tragado durante a toma.

Despois da toma, axudalo a expulsar o aire tragado.
Apoialo sobre un ombreiro en posición vertical adoita ser suficiente.


A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio