Introdución progresiva de alimentos complementarios

Desde os catro ou seis meses ata o ano de idade. Nesta etapa, debemos afacer o bebé aos novos sabores, comezando polos cereais, as froitas, as verduras e as carnes, e instaurar o hábito de uso da cunca e da culler, abandonando totalmente o uso do biberón. É, por tanto, unha etapa crítica para os futuros comportamentos e hábitos alimentarios.

O leite segue sendo o alimento básico (polo menos medio litro ao día), pero imos ir introducindo progresivamente outros alimentos. Aconséllase seguir con leite de fórmula de continuación ata os 12 meses, na medida en que isto sexa posible economicamente e, se non, consultar co pediatra.
O ideal é que pase unha semana para introducir cada novo alimento, tendo así tempo de comprobar a súa tolerancia ou, pola contra, a aparición de alerxias ou intolerancias, dándolle ademais tempo ao bebé para afacerse ao sabor de cada novo alimento.

De 4 a 6 meses:

  • Empezar polos cereais sen glute, ou/e a froita, segundo consello do pediatra. As primeiras tomas poden ser dunha ou dúas culleradas pequenas por cada cen mililitros de leite materno, ou de fórmula de continuación. Nos seguintes días, pódese ir aumentando pouco a pouco a cantidade de cereal, ata as cinco a sete culleradas por cada cen mililitros de leite.
  • O glute (trigo, cebada, centeo) non se debe introducir nin antes dos catro meses nin despois dos sete, sendo recomendable que a introdución coincida aínda coa lactación materna.
  • As fariñas de cereais lacteados, que xa levan leite mesturado, prepáranse con auga e non con leite.
  • As papas substituirán unha das tomas de biberón. En canto o bebé xa poida facelo, tomará as papas nunha cunca con culler.
  • Despois dos cinco meses e medio, logo de introducir os cereais e comprobar a súa tolerancia, introducir as diversas froitas dunha en unha para seguir observando a tolerancia, comezando polo zume de laranxa ou mandarina, e dándollo con culler ou polo vaso.
  • Salvo a mazá e o plátano, a froita é laxante. Atrasar ata os nove meses o amorodo e o melocotón.
  • Procurémoslle froita madura, fresca, pelada e variada. Non engadir azucre, mel, galletas ou leite condensado aos purés de froitas.
  • Os purés de froitas son unha boa merenda que achega abundantes vitaminas e minerais. Se non toma moito, nada raro ao principio, pódese completar cunha toma de peito ou de biberón de leite con cereais.


Entre os 6 e 8 meses:

  • Despois de introducidos xa o cereal e a froita, engadiremos as verduras e, a continuación, as carnes de polo, cordeiro ou tenreira para substituír outra das tomas de leite.

De 8 a 9 meses:
  • Cara aos 8 ou 9 meses, as papas serán espesas, de oito ou nove culleradas pequenas por cada cen mililitros de leite.
  • Algúns alimentos, como as espinacas, as coles ou a remolacha, poden ocasionar problemas en lactantes pequenos. Consulta co pediatra antes de introducilos na dieta.

Aos 10 meses:
Neste momento introduciremos os alimentos que, supostamente, puidesen producir máis alerxias ou intolerancias:

  • Os peixes: comezar sobre os 10 meses cos peixes brancos, xa que teñen menos graxa. O peixe conxelado ten o mesmo poder nutritivo que o fresco.
  • Os ovos: darémosllos cocidos e comezando pola xema soa. Despois duns días, se o tolera ben, pasamos a darllo enteiro. Non abusar deles, só algúns días da semana.
  • A carne de porco debe ser a última en introducirse, xa que ten máis graxa, e é menos dixerible.

Aos 12 meses:
  • As nabizas, a col, as espinacas e a remolacha non se introducen ata os 10 ou 12 meses.
  • Os legumes engadiranse pouco a pouco arredor do ano de idade.
  • Non dar leite de vaca enteiro antes do ano de idade. Pódese dar iogur desde os 8 ou 9 meses.
  • Durante toda esta segunda etapa da alimentación, en ningún momento engadiremos sal ou azucre ás comidas porque non lle son necesarios.
  • Os alimentos en tarros, preparados pola industria, constantes na súa composición e de coidada elaboración, poden ser un bo recurso en determinados momentos en que non podemos elaborar nós mesmos a comida. Tamén poden axudar a introducir maior diversidade na dieta, pero non é preciso utilizalos a diario.
  • Non esquezamos ofrecerlle auga entre as comidas, especialmente en tempo caloroso.
  • Darlle as doses de vitaminas e de fluor que se receitaron.

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio