Asegurar unha alimentación saudable

Asegurar unha alimentación saudable

Unha axeitada alimentación na primeira infancia inflúe decisivamente no crecemento e desenvolvemento tanto físico como mental, e diminúe enormemente o risco de infeccións. Pola contra, unha alimentación infantil inadecuada, en calidade ou cantidade, condicionará a aparición de enfermidades por defecto de nutrientes —desnutrición—, ou por exceso deles —obesidade—, que poden repercutir negativamente, tanto na saúde actual como na de adulto.

Os bos ou malos hábitos alimentarios adquírense xa na primeira infancia, e de que os fillos establezan os máis saudables son responsables os pais. Nestas idades, unha alimentación adecuada, ademais de satisfacer as necesidades dun crecemento acelerado, debe favorecer a adaptación progresiva aos distintos tipos de alimentos, texturas e sabores. Os momentos de comer deben favorecer as relacións cos membros da familia e co contorno para ir practicando e establecendo, progresivamente, hábitos alimentarios saudables.
No apartado de Táboas de crecemento podedes ver gráficas de peso e tamaño, diferenciadas para nenos e nenas, que permiten valorar a boa marcha dun crecemento corporal adecuado en cada idade.
Estímase que o bebé, aos dez días, recupera o mesmo peso que tiña cando naceu, duplícao aos catro meses e triplícao aos dez meses, engordando a un ritmo de 200 a 250 gramos cada semana durante os tres primeiros meses, e de 150 a 175 gramos do terceiro ao sexto mes.

Nos dous primeiros anos, pódense diferenciar tres etapas alimentarias consecutivas:

1ª etapa: de lactación exclusiva. Desde o nacemento ata  os catro ou seis meses  de idade.
O bebé toma, exclusivamente, leite da nai –lactación natural– ou leite artificial –lactación con biberón–, só xustificado nos escasísimos casos en que o aleitamento materno non é posible ou está contraindicado por razóns médicas obxectivas.

2ª etapa: de introdución progresiva de alimentos complementarios. Desde os catro ou seis  meses ata o ano de idade.
Sen abandonar o leite materno ou o leite adaptado de biberón, que seguirá sendo nesta etapa a base principal da ración alimentaria diaria do bebé,  iránselle engadindo, paulatinamente  e cunha certa orde, os diversos tipos de alimentos sólidos complementarios.

3ª etapa: de adulto modificado. Desde o ano aos tres  anos de idade.
Nesta etapa, o leite materno aínda pode proporcionar ata unha terceira parte da enerxía e proteínas que necesita un neno durante o segundo ano. A recomendación actual da UNICEF é seguir dando o peito ata os dous anos ou máis. Polo demais, débense ter xa introducido todos os  alimentos e estar polo tanto incorporado á mesa familiar. A alimentación diferirá da do preescolar fundamentalmente nas texturas e preparacións culinarias.

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde