Táboas de crecemento

As «curvas de crecemento» son unha ferramenta útil para rexistrar e avaliar as medicións do peso, tamaño e perímetro cranial, pero hai que analizalas de forma cautelosa. Interpretacións erróneas poden supoñer unha preocupación inxustificada á familia ou a adopción de medidas innecesarias

Existen diversas gráficas para avaliar o crecemento. As utilizadas na nosa comunidade autónoma son as elaboradas pola Fundación Orbegozo e están expresadas en percentís, que son medidas estatísticas. Hai unhas para as nenas e outras para os nenos, en rangos de idade de 0 a 2 anos e de 2 a 18 anos.
As liñas non son camiños que teñan que seguir de forma constante porque o crecemento non é continuo senón graduado. Pode que haxa bebés que nun determinado momento baixen ou suban de percentil.
Por iso, é importante considerar a evolución de cada bebé en particular, xa que se o seu ritmo de crecemento está afastado do medio, non quere dicir necesariamente que sexa anormal. Hai bebés sans que medran e engordan lentamente, incluso por fóra da gráfica (do 0 ao 3%).
Algúns deles porque os seus pais e nais son baixos eles tamén o serán. Outros, non obstante, terán unha estatura normal de adultos pero simplemente tardan máis en medrar. É necesario distinguir estes bebés dos que realmente teñen unha causa que impide o seu correcto desenvolvemento.
Hai que ter en conta que os lactantes alimentados con leite materno gañan máis peso durante os primeiros meses pero a partir do 4.º-6.º mes a ganancia é menor que nos alimentados con fórmulas artificiais; as gráficas en uso baséanse nestes últimos.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) elaborou novas táboas a partir de lactantes alimentados ao peito de distintos países do mundo en condicións óptimas e seguindo as recomendacións de lactación materna exclusiva os 6 primeiros meses e xunto con outros alimentos durante 2 anos ou máis.
Indican como deben crecer os nenos e as nenas en calquera país do mundo e establecen que o lactante alimentado ao peito debe ser a referencia para determinar o crecemento saudable dado que a alimentación materna é a «norma biolóxica».

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio