O resto do fogar

Antepoñendo a seguridade e a orde á decoración e ao descoido no fogar en xeral, evítanse posibles golpes ou caídas de maior ou menor gravidade.

  • Deixar sempre o neno ou a nena no berce ou no parque, lugares ben seguros para cando estamos ocupados por un momento e non poden estar con nós, como atender unha chamada de teléfono ou do timbre de entrada na casa.
  • As escaleiras, mentres non collen seguridade no andar e no equilibrio, son o lugar máis habitual de golpes e caídas. Onde poidamos, poñamos barreiras, e onde non, vixiemos, axudemos e eduquemos.
  • Balcóns, fiestras e terrazas, máis adiante na idade escolar, son especialmente perigosas porque, ao asomarse, o peso da cabeza e do tronco, failles perder o equilibrio moi facilmente cara ao exterior.
  • Combinar as explicacións sobre o perigo e a eliminación deste, retirando cousas ás que poidan subir ou agatuñar, bloqueando fiestras e portas de acceso, ou instalando varandas seguras.


Evitemos, sendo intelixentes, coidadosos e ordenados:

  • Intoxicacións por produtos deixados descoidadamente no garaxe ou calquera outro sitio, habitualmente cambiados do seu envase orixinal a outro que confunde, como augarrás nun envase de gasosa apoiado no chan en calquera esquiniña.
  • Atragoamentos e asfixias por pequenos obxectos de costura ou pequenas pezas ou anacos de xoguetes.
  • Feridas e rabuñazos con ferramentas e outros materiais, en garaxes e pendellos, etc.
  • Non deixar nunca ao seu alcance pilas de botón, sexan novas ou xa gastadas. Non cambialas nunca en presenza dos máis pequenos porque saberán onde se esconden e intentarán sacalas. Advirtámoslles isto aos fillos maiores para que tampouco deixen que os pequenos xoguen cos aparellos e xoguetes que as conteñen.
  • No caso de que un pequeno tragase unha destas pequenas pilas, non esperar nunca sen máis a que saia. É preciso acudir a un centro sanitario.
  • Prestar especial atención á seguridade da instalación eléctrica de toda a casa:
  • Asegurarse de que ten toma de terra e fusibles de curtocircuíto.
  • Utilizar protectores nos enchufes que non se utilizan.
  • Retirar cables, conexións e empalmes ao alcance dos nenos.
  • Falar con eles do perigo invisible da electricidade.


Os medicamentos en forma de pastillas ou xarope exercen sobre os pequenos unha gran fascinación, levándoos inmediatamente á boca, para logo tragalos e poderse intoxicar. Parécenlles lambetadas, e moito máis, canto máis nos escoiten dicirlles que os medicamentos saben moi ben, a caramelo de amorodo ou de laranxa, cando teñen que tomalos.

  • Buscar na casa un lugar fixo, seco, limpo e ben seguro, baixo chave, para gardar os medicamentos, garantindo que en todo momento e situación, se atopan en boas condicións para o seu uso e, sobre todo, fóra do alcance dos pequenos.
  • Desterrar o mal costume de deixalos no froiteiro da mesa da cociña, ou en calquera outro sitio inapropiado. Este é o xeito seguro de previr as intoxicacións accidentais por medicamentos.


Outras precaucións e medidas de seguridade que hai que estudar e aplicar, son as seguintes:

  • Fixar ben as alfombras para que non esvaren sobre o chan e provoquen tropezóns e posibles golpes na cabeza.
  • Evitar, con protectores adecuados, que metan as mans no lume da cheminea ou estufas de leña, así como en braseiros ou estufas eléctricas.
  • Gardar en sitio ben seguro escopetas e armas, ou ferramentas perigosas, cando sexa o caso.
  • Ollo cos xogos infantis de meter a cabeza en bolsas de plástico. Por este motivo prodúcense asfixias.
  • Ollo cos mecheiros e mistos deixados abandonadamente en calquera lugar da casa, xa que poden provocar incendios nas mans dos pequenos.

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio