A cociña e o baño

As estatísticas demostran que é a cociña o lugar da casa onde máis accidentes infantís se producen.

Os aspectos que hai que vixiar na cociña, mentres os fillos non perciben os perigos que nela se agochan son, fundamentalmente:

  • O manexo de recipientes con líquidos ou comidas quentes que poden provocar queimaduras ao se derramaren.
  • O uso de múltiples utensilios cortantes ou punzantes que poden provocar feridas.
  • A presenza de enchufes ou aparellos electrodomésticos que poden provocar electrocucións.
  • A presencia de variados produtos de limpeza que poden provocar intoxicacións e outras lesións cando se deixan ao alcance dos máis pequenos.
  • Na cociña aparecen ademais, a miúdo, multitude de pequenos obxectos, alimentos, e incluso medicamentos, que poden provocar intoxicacións ou asfixia.


Medidas básicas de prevención de accidentes na cociña:

  • Manter os nenos fóra da cociña no tempo de facer a comida.
  • Impedirlles o fácil acceso a coitelos, garfos, tesoiras..., así como aos pequenos alimentos como garavanzos ou similares, non utilizando nunca para estes utensilios ou alimentos, os estantes ou departamentos a rentes do chan.
  • Non gardar os produtos de limpeza baixo o vertedeiro, se a porta non ten pechadura. Baixo chave, ou en lugar elevado, estarán tamén os medicamentos.
  • Recoller os pequenos obxectos deixados descoidadamente por riba de mesas e mesados, como mistos, mecheiros, pequenos alimentos ou restos deles.
  • Retirar do seu alcance cables eléctricos, enchufes e pequenos electrodomésticos.
  • Pensar e repasar escrupulosamente a nosa cociña, tomando as medidas de seguridade máis oportunas, evitarán a maioría dos posibles accidentes producidos no fogar, mentres imos educando no recoñecemento dos perigos, e van aprendendo progresivamente a evitalos por eles mesmos.


O cuarto de baño

  • A bañeira dos adultos, nos primeiros anos de vida, pode ser lugar de golpes por esvaróns, queimaduras por auga quente, afogamentos, ou intoxicacións por produtos de hixiene corporal.
  • Comprobar sempre, antes do baño, a temperatura da auga.
  • Evitar que os produtos de hixiene corporal estean ao alcance dos pequenos, e colocar adhesivos ou alfombras antiesvaradios no piso da bañeira.
  • Non deixalos nunca sos no baño, aínda que sexa un instante e puxéramos pouca auga.
  • Coidado tamén co abandono descoidado de obxectos perigosos para os máis pequenos como tesoiras, follas de afeitar...

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio