A extracción do leite

En ocasións, pode ser moi útil para a nai extraer leite, ben por ter unha ingurxitación, ou por ter que estar separada certo tempo do bebé por motivos diversos, ou porque algo lle impida dar o peito directamente. Mesmo para darlle suplementos do propio leite despois das tomas e así aumentar a produción, no caso de que o meniño non sexa aínda moi efectivo mamando, ou quede durmido de seguida, especialmente os primeiros días.

Nos casos de ingurxitación ou produción excesiva hai que extraer como mínimo ata que o peito quede máis mol e deixe de molestar.
O leite pódese extraer coa man ou cun aparello extractor. É normal que non saia moita cantidade as primeiras veces, o cal non quere dicir que non se teña leite suficiente, senón que hai que practicar a técnica.
Independentemente do método elixido, a extracción será máis doada se se realiza previamente unha suave masaxe dos peitos (primeiro con movementos circulares e despois sacudíndoos e fretando as mamilas...).
Tamén axuda ter preto algo que recorde o bebé.
Para unha extracción manual colócanse os dedos na aréola un pouco por debaixo do bico do peito, esprémese tentando xuntar os dedos ao mesmo tempo que se aperta cara ás costelas. Recollerase o leite nun recipiente de boca ancha, como unha cunca limpa. Non hai que fretar nin pasar os dedos sobre o peito para non lesionalo.
A outra opción é utilizar un aparello extractor ou «sacaleites». Hai moitos modelos no mercado, poden ser eléctricos ou manuais e de diferentes calidades e prezos. Estes accesorios resultan especialmente útiles se se van precisar durante certo tempo.
É mellor facer moitas extraccións curtas que poucas longas e evitar sempre irritar ou mazar os peitos en exceso.
É boa idea preguntar a algunha experta para que che explique na práctica como facelo.
O mellor sacaleites con diferenza é o bebé.

Conservación e manipulación do leite

Antes de extraer ou manipular o leite é importante lavar as mans.
O leite débese gardar en recipientes de cristal ou plástico de uso alimentario. Tamén hai bolsas deseñadas para isto.
O leite, a temperatura ambiente, dura horas, en neveira, días e en conxelador, meses:
Para non desperdiciar leite, sobre todo ao principio mentres non se sabe a cantidade que tomará, convén ofrecerlle ao bebé unha cantidade pequena porque o leite ao contacto coa boca se contamina e habería que tiralo se non o quere todo. Se o acaba e non queda satisfeito prepararíaselle un pouco máis.
Se é posible, é preferible o leite fresco ao conxelado, no entanto se o leite extraído non se vai utilizar en poucos días, é mellor conxelalo inmediatamente. Aconséllase facelo en pequenas cantidades (50-100 ml) xa que o leite desconxelado non se pode volver conxelar. Haberá que poñerlle a data e a hora para sacar o máis antigo primeiro.
Pódese sacar do conxelador xusto para a toma pero se se fai antes convén que desconxele na neveira para manter a cadea de frío. Unha vez desconxelado haberá que axitalo ben.
Para quentar o leite o ideal é introducir o recipiente en auga previamente quentada durante un momento (tanto se é leite fresco coma conxelado). Tamén podería quentarse en microondas, terase a precaución de axitalo ben para que alcance unha temperatura homoxénea e comprobar antes que non queime. (Non se debe quentar directamente no lume nin ao baño maría sobre o lume).

Tipo de leite materno Temperatura ambiente Refrixerador Conxelador
Acabado de espremer nun recipiente 25 ºC ou menos:
6-8 horas
4 ºC ou menos:
3-5 días
2 semanas (*/**) (conxelador dentro do refrixerador: 6 meses)
Previamente conxelado, desconxelado no refrixerador pero non quentado nin usado 4 horas ou menos (até a próxima toma) 24 horas Non volver conxelar
Desconxelado fóra do refrixerador, en auga quente Só ata que termine a toma 4 horas ou ata a próxima toma Non volver conxelar
O que sobra da toma Só ata que termine a toma, daquela desbotar Desbotar Desbotar

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio