Exercicio físico

Exercicio físico

Promocionar a práctica de exercicio físico

Na infancia, póñense as bases dos estilos de vida das persoas, e durante a infancia é o momento de practicar determinados comportamentos que favorecen a saúde ata convertelos en hábitos saudables.

Multitude de estudos poñen en evidencia a positiva influencia que o exercicio físico ten sobre a prevención de múltiples enfermidades do adulto de alta frecuencia entre a pobación.
Tamén apuntan os estudos o crecente déficit de exercicio físico infantil, que aínda é máis acusado entre os adolescentes.

  • Nas etapas preescolares é suficiente a práctica de exercicio asociada aos xogos e ás prácticas de dominio das actividades que favorecen unha correcta mobilidade no ambiente, controlando en todo momento os riscos de accidente infantil.
  • Na etapa escolar e adolescente, a práctica de exercicio físico varios días á semana en actividades colectivas e de equipo, se non houber contraindicación médica, é unha medida extraordinariamente recomendable. Co tempo, facer o exercicio físico que a cadaquén máis lle guste, formará parte dun estilo de vida saudable e activo que, sen dúbida, alongará a vida, reducirá o risco de obesidade, e previrá enfermidades crónicas como a cardiopatía isquémica, a hipertensión arterial, a diabete do adulto, a osteoporose, a ansiedade ou a depresión.
  • Reducir o tempo dedicado ás actividades sedentarias, como ver televisión ou xogar en pantallas dixitais, é a mellor medida complementaria da anterior.

 

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde