Proporcionar xoguetes saudables

Os xoguetes desempeñan un importante papel na vida infantil, xa que por medio dos xogos o neno divírtese e coñece o mundo que o rodea. Enseguida xogará co seu propio corpo, e máis adiante, con obxectos rechamantes e que produzan sons suaves.

Para cumprir o seu cometido e non resultar perigosos, os xoguetes deben ser:

  • Adecuados a cada idade.
  • En xeral, sinxelos, sen mecanismos complicados que requiran a presenza dos adultos para xogar, ou que poidan ser desmontados en pequenas pezas que poidan tragar.
  • Dun tamaño adecuado: os moi grandes sonlles de difícil manexo, e os moi pequenos poden ser perigosos pola gran tendencia infantil a introducilos na boca ou no nariz.
  • Mellor, de materiais lavables, non tóxicos, irrompibles e sen arestas ou puntas agudas nas cales se poidan magoar.
  • Evitar que xoguen con calquera obxecto do fogar que non é un xoguete.
  • Un excesivo número de xoguetes impediralles gozar con eles. Compartilos con outros nenos, axudaraos a socializarse.

Coidar as condicións en que a familia, e por suposto os máis pequenos, ve a televisión.

  • Sen reflexos na pantalla e a unha distancia mínima de 2,5 metros para evitar problemas oculares.
  • Nos máis pequenos, ver programas violentos ou moi ruidosos no momento de se deitar, provocará pesadelos e inquietude nocturna que reducirán as posibilidades dun bo descanso nocturno en tempo e calidade, tan importante para o seu crecemento saudable.
  • Moitas horas de televisión producirán fatiga e tensión nerviosa, e impedirán a práctica doutros xogos e a permanencia ao aire libre, moito máis importantes para a saúde a estas idades.

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio