Medir e baixar a febre

Trátase dun aumento da temperatura do corpo por enriba dos 38°, cando se mide na axila ou na ingua, e dos 38,5° se a tomamos no ano. Se está entre os 37° que é o normal e os 38°, fálase de febrícula. A febre acompaña case sempre ás enfermidades infecciosas máis comúns da infancia.

Podémola sospeitar porque o neno ten o corpo moi quente e colorado, súa moito, e está canso e decaído ou irritable e chorón. Ademais, é probable que diminúa o seu apetito e pode vomitar con facilidade. Para comprobalo, usaremos sempre o termómetro; instrumento que non debe faltar na caixa de primeiros auxilios caseira.

¿Que facer cando ten febre?

  • Poñerlle roupa lixeira. Nunca abrigalo máis nin botar unha manta extra na cama.
  • Ofrecerlle a miúdo auga ou outros líquidos, como zumes naturais, leite...
  • Darlle comida sinxela de dixerir e sen insistir moito se non ten apetito.
  • Utilizar o medicamento e a dose que para estes casos nos teña recomendado o pediatra, segundo a idade e o peso do noso pequeno. Os medicamentos para baixar a febre máis habituais son o paracetamol e o ibuprofeno.
  • Bañar como de costume todos os días.
  • Cando a febre non baixa a pesar de terlle dado a medicación recomendada polo pediatra, cousa corrente polas tardes ou primeiras horas da madrugada, non dubidemos en darlle un baño extra, con auga morna e deixando que xogue un pouco nela.
  • Non usar nunca auga fría nin fregas de alcohol xa que son moi desagradables para o cativo, e se empeza a aterecer, que é o máis probable, aumentará de novo a temperatura.

Coincidindo cunha subida de febre, algúns pequenos (só sobre un 3%, e máis frecuentemente, entre os 3 meses e os 5 anos) poden presentar un fenómeno chamado convulsión febril. Trátase de movementos musculares dos ollos, brazos e pernas, mandíbula, etc., debido a descargas enviadas polo cerebro, con perda de conciencia, seguidas cando rematan de debilidade e adormecemento, que dan a impresión de moita gravidade.
A maioría das veces, as convulsións ceden soas e axiña. O único que temos que facer se se presentasen, é mantelos nunha superficie branda e ampla para evitar os golpes, e sen intentar suxeitar os movementos. Mellor coa cabeza de lado.
En canto rematen, darlle a medicación para baixar a febre, se non o fixeramos, e evitar o exceso de roupa mentres acudimos ao servizo médico.
Para evitar as convulsións noutras ocasións, faise preciso baixar axiña a febre, usando adecuadamente a medicación e o resto das medidas xa comentadas.

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio