Como viaxar no automóbil?

Como viaxar no automóbil?

Para conseguir seguridade no transporte dos nenos en automóbil, deben viaxar sempre ben suxeitos e correctamente situados, incluso para viaxes curtas ou traxectos por cidade. Cando un neno vai solto no coche, basta un pequeno golpe ou freazo, aínda que sexa a pouca velocidade, para poder producirlle unha lesión grave.

  • Non levar nunca aos pequenos no colo dun adulto, nin no asento dianteiro nin no traseiro, xa que os estudos poñen de manifesto que a máis de 5 km/h, o adulto non poderá reter o neno en caso de accidente.
  • Ata que o bebé pese 10 kg (aproximadamente aos 9 meses) pode viaxar no seirón colocado no asento traseiro do coche en posición transversal. O seirón debe estar provisto de correas de suxeición e pola súa vez suxeito polo cinto de seguridade do coche.
  • Tamén se utilizan as cadeiriñas especiais para bebés, debidamente fixadas segundo as instrucións do fabricante, sempre no sentido contrario á marcha, e sempre no asento traseiro se o coche ten airbag.
  • Desde os 9 meses ata os 3 anos, ou desde un peso de 9 quilos ata os 18 quilos, acomodalos sempre nas súas cadeiriñas especiais para o coche, ben sexa no asento traseiro ou no asento dianteiro se o vehículo non ten airbag, e no sentido da marcha.
  • A partir dos 3 anos e ata que acade unha altura de máis de 150 centímetros, viaxarán sempre no asento traseiro utilizando os cintos de seguridade do coche e coxíns elevadores con ou sen respaldo, que acomoden ben a altura do pequeno á altura do cinto.
  • Ao adquirir estes dispositivos de seguridade para o coche hai que informarse sobre a súa calidade, asegurándose pola etiqueta de que cumpren as normas de homologación (ECE R-44) e serven para todos os vehículos, na que figura ademais, o límite de peso para o que está deseñada.
  • Facer sempre as manobras de entrada e saída do automóbil polo lado da beirarrúa.
  • Desde cando xa sexa posible, eduquémolos sobre as normas de seguridade na circulación, fundamentalmente a través do exemplo, tanto para ser peón, como condutor de bicicletas ou patíns.

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde