Previr a carie dental

Previr a carie dental

Trátase da enfermidade máis frecuente entre os nenos e nenas, que destrúe os seus dentes e dificulta a mastigación dos alimentos, podendo chegar a ser focos de infección e dor. Provocan a carie os ácidos que producen as bacterias logo de consumir o azucre que queda entre os dentes despois de comidas doces. Estes ácidos van destruíndo o esmalte do dente.

Unha boa dentadura é fundamental para mastigar os alimentos correctamente e ter un bonito sorriso. O xeito de que os nosos fillos non padezan carie dental e cheguen a ter e conservar unha dentadura saudable toda a vida, é ben doado:

  • Non mollar o chupete en azucre ou mel cando son lactantes.
  • Evitar os caramelos e demais lambetadas o máis posible nos primeiros anos.
  • Ensinarlles axiña a lavar os dentes tra as comidas para que sexa unha práctica diaria de hixiene e saúde.

A partir dos tres ou catro anos, solicitar a consulta co dentista, por se houber algún problema e atallalo axiña, aplicar medidas de prevención da carie e outras enfermidades, e valorar a hixiene dental que se ven practicando.