Atender golpes e feridas

Atender golpes e feridas

Para os pequenos golpes en calquera punto ou «croques» na cabeza, o mellor para amortecer a inflamación e a dor é aplicar xeo metido nunha bolsa ou compresas de auga ben fría sobre a zona durante uns cantos minutos, facendo pequenos descansos.

Se o golpe foi máis severo, acudiremos sempre a un servizo médico para que sexa valorado adecuadamente por un profesional. No caso de indicarnos a volta á casa, e se é o caso, diranos que vixiemos, durante as seguintes 24 horas, os seguintes aspectos considerados «signos de alarma»:

Perda de conciencia: comprobar o seu nivel de consciencia cada 2 ou 3 horas. Durante a noite ou se o neno está durmindo, espertarémolo para facelo.

  • Actitudes anormais: observar se está moi irritable ou demasiado adormecido.
  • Motricidade anormal: observar se aparecen movementos estranos, e se manexa ben as súas extremidades, brazos e pernas.
  • Ollos: observar se ten desviación da mirada ou as pupilas dos ollos de tamaño desigual.
  • Fala: Observar se ten dificultades para falar.
  • Dor de cabeza moi intensa.
  • Vómitos repetidos: non tería importancia un vómito illado.

A aparición dalgún destes «signos de alarma», require unha nova valoración no servizo médico.

  • As pequenas feridas ou rabuñaduras na pel, frecuentes na vida dos pequenos, lavarémolas sempre con abundante auga e xabrón, e con delicadeza pero con firmeza. Esta é a máis importante das medidas que sempre debemos efectuar.
  • Se a ferida sangrase, poñeremos unha gasa sobre ela apretando uns minutos ata que deixe de sangrar.
  • Deixar a pequena ferida ao aire libre se esta é leve, ou cubrila cunha tirita ou cunha cura de gasa e esparadrapo, que se cambiarán a diario ou antes se se molla.
  • Se temos algunha dúbida ou non temos á man material para curas, tras o lavado da ferida con auga e xabrón, acudir a un servizo médico.

Atender as queimaduras

Logo da pequena queimadura, poñeremos en práctica o seguinte:

  • Botar rapidamente auga fría sobre a superficie do corpo queimada.
  • Non romper nunca as ampolas que se forman na pel.
  • Cubrir a queimadura cunha vendaxe ampla de gasas e venda, ou de tea ben limpa. Unha saba é o mellor, se a queimadura fose moi extensa.
  • Consultar nun servizo médico.
  • Non usar nunca pastas e pomadas sen prescrición médica previa.

Se está ardéndolle a roupa cando nós acudimos:

  • Deitalo axiña no chan e botar enriba unha manta ou cousa similar que apague o lume inmediatamente.
  • Non intentemos nunca sacar os restos de roupa queimada adheridos á pel.
  • Envolvámolo nunha saba limpa e acudamos axiña ao hospital.