Para os pequenos golpes en calquera punto ou «croques» na cabeza, o mellor para amortecer a inflamación e a dor é aplicar xeo metido nunha bolsa ou compresas de auga ben fría sobre a zona durante uns cantos minutos, facendo pequenos descansos.
Se o golpe foi máis severo, acudiremos sempre a un servizo médico para que sexa valorado adecuadamente por un profesional. No caso de indicarnos a volta á casa, e se é o caso, diranos que vixiemos, durante as seguintes 24 horas, os seguintes aspectos considerados «signos de alarma»:
Perda de conciencia: comprobar o seu nivel de consciencia cada 2 ou 3 horas. Durante a noite ou se o neno está durmindo, espertarémolo para facelo.
- Actitudes anormais: observar se está moi irritable ou demasiado adormecido.
- Motricidade anormal: observar se aparecen movementos estranos, e se manexa ben as súas extremidades, brazos e pernas.
- Ollos: observar se ten desviación da mirada ou as pupilas dos ollos de tamaño desigual.
- Fala: Observar se ten dificultades para falar.
- Dor de cabeza moi intensa.
- Vómitos repetidos: non tería importancia un vómito illado.
A aparición dalgún destes «signos de alarma», require unha nova valoración no servizo médico.
- As pequenas feridas ou rabuñaduras na pel, frecuentes na vida dos pequenos, lavarémolas sempre con abundante auga e xabrón, e con delicadeza pero con firmeza. Esta é a máis importante das medidas que sempre debemos efectuar.
- Se a ferida sangrase, poñeremos unha gasa sobre ela apretando uns minutos ata que deixe de sangrar.
- Deixar a pequena ferida ao aire libre se esta é leve, ou cubrila cunha tirita ou cunha cura de gasa e esparadrapo, que se cambiarán a diario ou antes se se molla.
- Se temos algunha dúbida ou non temos á man material para curas, tras o lavado da ferida con auga e xabrón, acudir a un servizo médico.
Atender as queimaduras
Logo da pequena queimadura, poñeremos en práctica o seguinte:
- Botar rapidamente auga fría sobre a superficie do corpo queimada.
- Non romper nunca as ampolas que se forman na pel.
- Cubrir a queimadura cunha vendaxe ampla de gasas e venda, ou de tea ben limpa. Unha saba é o mellor, se a queimadura fose moi extensa.
- Consultar nun servizo médico.
- Non usar nunca pastas e pomadas sen prescrición médica previa.
Se está ardéndolle a roupa cando nós acudimos:
- Deitalo axiña no chan e botar enriba unha manta ou cousa similar que apague o lume inmediatamente.
- Non intentemos nunca sacar os restos de roupa queimada adheridos á pel.
- Envolvámolo nunha saba limpa e acudamos axiña ao hospital.