Cal é a mellor postura para que durma o bebé?

Cal é a mellor postura para que durma o bebé?

O bebé debe colocarse boca arriba para durmir pola noite e á hora da sesta. Cando estea esperto, e baixo a supervisión dun adulto, o bebé debe pasar algún tempo boca abaixo.

Todos os bebés dormen moito, pero non todos se teñen que comportar de igual xeito, nin para conciliar o sono, nin durante este, nin tampouco na súa duración. Haberaos que respecten o noso sono e outros que non o fagan tanto. De calquera maneira, nós si respetaremos o seu, xa que lles é fundamental para un desenvolvemento saudable.

  • Ao principio dormen tres ou catro horas, día e noite, e logo piden alimento. Desde finais do primeiro mes, dormen máis pola noite e van reducindo o sono durante o día.
  • Ata os dous anos dormen entre 11 e 16 horas ao día, e entre os dous e os cinco anos fano entre 10 e 14 horas.
  • É sinxelo saber cando non dormen suficientemente, porque se fai difícil espertalos pola mañá, e atópanse cansos e pouco activos despois do sono.
  • Evitar lazos e cadeas arredor do pescozo mentres dormen, así como abrigalos en exceso, e poñelos a carón de estufas e braseiros.
  • É moi útil establecer certos «rituais» de relaxación previos á hora de durmir: baño, música suave, recoller o cuarto ou ver contos cando xa poidan facelo, demostrándolle que non se queda só e que o sono non significa separación.
  • Actuar con suavidade pero con firmeza, de xeito breve, aburrido e rutineiro, cando espertan, chaman ou aparecen na cama dos pais, evitando sempre os excesivos «mecos» que supoñan vantaxes, promesas ou privilexios.
  • En xeral, cando hai problemas co sono, convén analizar a situación con certa calma, buscando as súas causas máis frecuentes: sobreexcitación, demasiado canso, sesta moi longa, ou temores e inseguridades por mor dun ambiente tenso na familia.
  • O berce terá barrotes que impidan o paso da cabeza do bebé, e cando pase a durmir na cama, esta deberá ser baixa e con barreiras nos seus lados, para evitar lesións por caída durante o sono.
  • Tanto no berce como na cama, o colchón terá unha base dura.
  • Un cuarto con temperatura agradable, con boa ventilación diaria e un ambiente tranquilo, é o ideal.
  • Debe ser fácil de limpar, polo que non é aconsellable a colocación de moquetas ou de moitos monecos de pelo que reteñan demasiado po e sucidade.
  • Eliminar o posible acceso a esquinas de mobles, enchufes, cables ou aparellos eléctricos que poida haber no cuarto.
  • Un chan despexado e que ille do frío será moi útil para arrastrarse e xogar cos xoguetes no seu propio cuarto.
  • Ata os seis meses, o bebé pode durmir no seu berce no cuarto dos pais, pero a partir desa idade é moi conveniente que pase ao seu propio cuarto, no que debe durmir cada día, aínda que o pai ou a nai estean sos.

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde