Grupos de apoio á lactación

Grupos de apoio á lactación

Dar o peito require unha aprendizaxe por parte das nais. As nais aprenden a aleitar vendo como o fixeron outras mulleres. Antigamente, xa desde nenas, observaban ás súas nais, tías ou veciñas aleitando e criando aos seus bebés. Chegado o momento de ser nais, sabían como facelo e, se tiñan dificultades, apoiábanse nesas mulleres con experiencia que lles servían de referencia e reforzo.

Dende que se fixo maioritario o uso de fórmulas artificiais para alimentar os bebés perdeuse esa transmisión de coñecementos de xeración en xeración. Por iso pode que a nai non conte con ese apoio no seu contorno próximo. O obxectivo dos grupos é suplir esas redes sociais.
Os grupos de apoio á lactación están formados por mulleres que á parte de aleitar os seus bebés contan con formación específica en lactación.
A miúdo son nais que tiveron dificultades e deciden de forma voluntaria e altruísta axudar a
outras nais lactantes que solicitan o seu apoio. A axuda préstase en reunións periódicas, encontros individuais, atención telefónica ou por correo electrónico.
Funcionan como grupos de axuda mutua, ofertan un espazo onde atopar información actualizada, veraz e útil, onde poder compartir distintas experiencias, manifestar inquietudes ou dúbidas e proporcionan un ambiente cómodo e acolledor para falar do tema.
Tamén se poden beneficiar dese espazo, os pais, familiares, amigos, embarazadas...
Existen numerosos grupos de apoio en todo o mundo. Actualmente en Galicia hai catorce grupos que forman parte de FEDEGALMA. Na súa páxina web pódese atopar unha relación de todos eles así como a forma de contactar con eles.

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde