Cóidame

Cóidame

Aprender sobre coidados infantís saudables

Non se nace sabendo ser nai e pai, apréndese a selo á vez que medran e maduran os fillos. Coidalos saudablemente é unha tarefa comprometida que debe significar, na medida de todo o que sexa posible, unha clara dispoñibilidade para:

  • Dedicar tempo a prestar os coidados infantís que cubran as necesidades básicas de seguridade, alimentación, sono, abrigo, estimulación...
  • Aceptalos en todo momento tal como son, coas súas virtudes, limitacións ou defectos.
  • Coidar ou mellorar as relacións de parella para poder dialogar e poñerse de acordo no xeito en que se vai coidar e educar o novo membro da familia.
  • Darlles exemplo vivo de comportamentos adecuados e saudables, fomentando a práctica cotiá dalgúns hábitos que proporcionan e protexen a saúde física e mental.
  • Axudalos a se converteren, co tempo, en persoas autónomas, solidarias e capaces.
  • Aprender a vivir sen a presenza e compaña dos fillos cando xa teñan vida independente.

Inmediatamente despois do nacemento, os servizos pediátricos levaron a cabo unha revisión a fondo para coñecer o estado xeral de saúde do neno, e detectar posibles malformacións ou enfermidades de nacemento.

Para poder detectar posibles enfermidades metabólicas ou das glándulas endócrinas debe facerse unha análise de sangue e de urina.

  • O bebé acabado de nacer vai requirir coidados constantes e delicados pero non excesivamente complexos. O seu desenvolvemento saudable e feliz nas primeiras semanas conseguirémolo doadamente, cunha boa alimentación e hixiene, e co seu sono.
  • Desde o primeiro día e nos primeiros meses, a relación do bebé co medio que o rodea vai ser moi instintiva, actuando rexido por sensacións de fame, frío, calor, ruído... ás cales responde co choro, ou polo contrario, cando o alimentemos, o acariciemos ou o aseemos, con xestos de cara e boca parecidos a un sorriso, que demostran o seu benestar.

Non dubidar en recorrer aos profesionais sanitarios, tanto para chequear que todo «marcha ben», cando se aplica un programa de control médico do crecemento do neno san, como cando aparezan sinais de enfermidade ou lesións por accidente. Aproveitar as visitas médicas para preguntar e aprender sobre o xeito de proporcionar coidados infantís saudables.

Pediatras, profesionais da enfermería, da psicoloxía e da pedagoxía, cada un no seu campo, supoñen unha axuda segura e accesible, cando se presenten dúbidas e problemas de calquera tipo e non se teña a seguridade de estar resolvéndoos correctamente. Solicite a súa axuda profesional cando o considere oportuno.